Neste sesión estivemos analizando distintas formas ou métodos de abordar o tema do estudo do futuro co alumnado de Primaria, definindo tres tipos: posible, probable e desexable.
Entendemos o futuro posible como calquera que sexa susceptible de producirse, o futuro probable como aquel que é máis factible que ocorra e por último, o futuro desexable como o óptimo para os nosos fins.
Proponse unha situación de conflito social a raíz da construción dunha ponte sobre a ría. Ante este fenómeno atopámonos cos seguintes "futuros":
Futuros posibles: Cancelación do proxecto, carencias presupostarias, inviabilidade do proxecto, necesidade de modificación do proxecto, trabas lexislativas, etc.
Futuros probables: Desconxestión parcial do tráfico, danos no medio ambiente, repercusións económicas de todo tipo, redución do tempo de transporte, alteracións na paisaxe.
Futuros desexables: Diminución da contaminación, mellora económica local, desconxestión do tráfico, aforro nos custos de mantemento doutras infraestruturas, mellora das relacións e transportes con outras localidades póximas, danos mínimos ao medio ambiente.
Estes conceptos vémolos de alta relevancia na educación primaria xa que permiten tratar temas cunha mentalidade crítica e aberta, analizando todas as opcións posibles ante un suceso determinado. Por tanto consideramos que é necesario traballar esta forma de abordar os problemas cos nenos e nenas, e cremos que se pode partir da realidade máis próxima do alumnado para tal fin, favorecendo así a adquisición de aprendizaxes significativas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario